1652_DOCUMENTO_BLANCO PRADO_Festividades relixiosas e
Transcrição
1652_DOCUMENTO_BLANCO PRADO_Festividades relixiosas e
FESTIVIDADES RELIXIOSAS E PROFANAS NO VAL DE LOURENZÁ (LUGO) José Manuel Blanco Prado Publicado “En tempos de festa en Galicia”, Fundación Caixa Galicia, 2008. O concello de Lourenzá se localiza nun bonito val ó Norte da provincia lucense e forma parte da Mariña Central de Lugo. Ocupa unha extensión de case 63 km2 e ten como límite unha serie de concellos lucenses, como son Foz ó Norte; Riotorto ó Sur; Barreiros, Foz e Trabada ó leste e Mondoñedo ó oeste. No seu interior, hai un fermoso val que abrangue dende as estribacións do Padornelo ata as de Cadeira e dende as de Cornería e Curros ata as de Pena do Porco e a Fraga. Por outra banda, este concello posúe tres zonas claramente delimitadas: unha de suaves pendentes; a segunda de pendentes máis pronunciadas, entre os 200 e 300 metros de desnivel; e a terceira, oscilando entre os 300 e 400 metros.O clima é de tipo oceánico húmedo, con abundantes precipitacións pero cunhas temperaturas suaves. Demograficamente, a poboación do municipio diminuiu dende os comezos do século XX, cando posuía uns 5000 habitantes. Este descenso debeuse, en gran medida, ós movementos migratorios de cara ó exterior, nun primeiro momento á América; logo, a Europa, e, tamén, ás comunidades españolas de máis industria. No ano 2004, o concello tiña unha poboación de 2699 habitantes, distribuidos en catro parroquias, do seguinte xeito: Sta. María, con 1297; San Xurxo, 349; Santo Tomé, 488; e San Adriano, 565. Dende o punto de vista histórico, as orixes do poboamento están ligados ós castros existentes no concello; así, nas parroquias de Santa María, Santo Tomé e San Xurxo, hai lugares que reciben o nome de “Castro”. De tódolos xeitos, este concello, a partir do século X, está ligado a D. Osorio Gutiérrez, máis coñecido como o Conde Santo. Por outra banda, a economía do municipio baséase en actividades de índole agropecuaria, destacando en tres subsectores: a agricultura, a gandería e a explotación forestal. Con respecto á agricultura, hai que distinguir un policultivo intensivo, debido á fertilidade da terra e á concentración parcelaria, que permitiu unha intensificación na producción. A gandería é outro factor relevante do desenvolvemento económico, sobre todo o gando vacún e o porcino. Así mesmo, a riqueza forestal xerou unha potente industria derivada de transformación, que proporcionou unha importante materia prima para o seu posterior aproveitamento en aserradeiros e fábricas de mobles. En canto ó sector secundario, a poboación activa (12%) aglutínase na transformación madereira e láctea, nas industrias extractivas, etc. Finalmente, o sector de servicios localízase na capital do concello, onde se emprazan os servicios administrativos, sanitarios e comerciais. Estes últimos, están claramente reflectidos nos mercados e feiras da capital do municipio, que se realizan os días 9 e 28 de cada mes. A FESTIVIDADE DO CONDE SANTO. REFERENCIAS BIOGRÁFICAS DO CONDE. D. Osorio Gutiérrez, coñecido como “o Conde Santo”, señor da Terra de Campos e de Galicia, foi fillo de Gutiérrez e Aldonza; foi curmán do rei Ordoño de León, que lle outorgou mercedes, e de S. Rosendo. Casou con Dª Urraca Núnez, filla de Nuño Osorio, da que tivo dous fillos e unha filla. O Padre Flórez supón que unha parte da facenda do Conde Santo foi herdada da súa familia e outra, menos relevante, da consideración real polas súas campañas contra os mouros. O certo é, que chegou a Lourenzá, onde viviu con mesura, tentando remediar as necesidades dos pobres e atender ós doentes da zona. Este personaxe fundou inicialmente en Vilanova o mosteiro de S. Salvador. Logo, o Conde D. Osorio Gutiérrez, por escritura de 17 de xuño do ano 969, dotou ó mosteiro benedictino do S. Salvador de importante bens, como, os mosteiros do San Adriano de Lourenzá, de Santa María Maior de Mondoñedo, Santa Cruz de Valadouro; das igrexas do S. Xurxo e Santo Tomé de Lourenzá, San Salvador de Pastoriza, Santa Cristina de Cillero, San Xusto de Cabarcos, a ermida de San Cosme en Argomoso e outros bens. Ao producirse o pasamento da súa dona, buscou o illamento e a soidade no mosteiro do S. Salvador de Lourenzá, onde tomou a condición de lego. Denantes de entrar no mosteiro pediu perdón ós seus criados e vasallos e escribiu ó rei para que soubese dos seus méritos. Xa, cos hábitos, foi tan humilde e entregado ós demais que –segundo o P. Florez- barría, case sempre, a igrexa e o claustro; preocupábase de tódolos oficios da igrexa; servía toda a mesa conventual; ó rematar a comida, collía o pan e o viño que sobrara da mesa e dáballos ós pobres; tamén, era moi caritativo cos orfos, orfas e extranxeiros. Na última étapa da súa vida –segundo a tradición- levou a cabo unha viaxe a Terra Santa, onde adquiriu un sarcófago paleocristiano, que trouxo a Vilanova, coa finalidade de que fose a súa última morada. LENDA SOBRE O SARTEGO Na última étapa da súa vida, o conde Osorio, acompañado por algunhas persoas, marchou en peregrinase a Xerusalen, onde mercou un sartego por quinientos siclos de ouro. Como sinal de dominio realizou un burato na cara inferior do sarcófago co seu bordón de peregrino. Logo solicitou a axuda dos que o labraran para baixalo ó porto, onde lles pediu que o botasen ó mar, contemplando atónitos, árabes e cristianos, como o sartego navegaba sobre as augas. O conde encomendoullo á Divina Providencia e, ó terceiro día de ocorrir ó feito, soubo por unha revelación divina que o seu sartego chegara ó poto de Moreda, situado no bispado de S. Martiño de Mondoñedo. Transcurrido case un ano da súa viaxe, o conde Osorio chegou a Lourenzá , onde lle dixeron que, había tempo, arrivara ó porto de Moreda un bonito sarcófago e que o bispo da diócese quixera quedarse con él mais non pudiera. Ante esta noticia, o conde, acompañado do abade do mosteiro e doutros monxes, foi a velo, comprobando “in situ” que era o que mercara en Xerusalén. Por tal motivo, mandou que un labrador trouxese unha xunta de bois co seu carro para transportalo ó mosteiro. Este traslado levouse a cabo no mesmo día e con pouco traballo, feito que foi contemplado por moitos lugareños, que estaban situados á beira dos camiños. De tódolos xeitos, segundo Santos San Cristóbal, o sartego, paleocristián, é do século III e a súa tapa probablemente do século V. Dicíase que viñera de Aquitania (Francia) e que o mercara o conde Osorio no século X. Por outra banda, non foi un feito inusual que, unha vez morto o conde, o pobo o venerase, aínda que non estivese beatificado e canonizado. Polo tanto, o seu culto quedaba limitado á igrexa do mosteiro do Lourenzá. Non embargantes, a comunidade de monxes benedictinos tentou conseguir a canonización do conde Osorio no seu momento, mais o expediente non chegou a prosperar, debido ó enigma que rodeaba e segue envolvendo os derradeiros anos da súa vida, así como a data do seu pasamento. Malia isto, a finais do segundo tercio do século XX, a diócese de Mondoñedo quiso que o conde Osorio fose canonizado e, deste xeito, poder aumentar o seu culto. TRAZOS ARTÍSTICOS E DEVOCIÓN POPULAR. Os fieis, cando van venerar ó Conde Santo, encontranse, denantes de entrar na igrexa monacal, cunha fachada barroca construída polo arquitecto Casas e Novoa. Ésta posúe dúas torres: a da dereita só conserva o primeiro corpo; a da esquerda, pola contra, está completa e presenta tres corpos con semipilastras dóricas. Entre ámbalas dúas torres, hai un relevante retábulo de pedra caliza tallada con catro corpos, nos que se mostran as esculturas da Asunción da Virxe, o S. Bento, o Conde Santo e o Salvador. Logo de contemplar os diferentes elementos da fachada, os devotos entran na igrexa do mosteiro que, iniciada no ano 1732, prolongou a súa construcción ó longo do século XVIII. O templo, actualmente parroquial, está distribuido en tres naves, separadas por pilastras dóricas das que xorden os arcos fajones. A cobertura da nave maior, do presbiterio e, mesmo, dos brazos do cruceiro, é de bóveda de canón con lunetos; pola contra, a das naves laterais levan bóvedas de arestas, e o centro do cruceiro cúbrese cunha gran cúpula de media laranxa con lenterna. No presbiterio, destaca o retábulo maior, neoclásico, diseñado por Ventura Rodríguez no ano 1766. Nas capelas absidais hai dous retábulos neoclásicos. No brazo dereito do cruceiro hai un retábulo neoclásico e, no esquerdo, barroco. Finalmente, mentres que na nave lateral dereita hai un retábulo renacentista e dous barrocos, na esquerda hai un retábulo neorrománico de comezos do XX. Logo de ver toda a igrexa, chega o momento no que os fieis, procedentes de diferentes parroquias do concello, logo de oír a misa solemne, entran na capela de Valdeflores acompañados do párroco da fregresía. Nesta capela, construída na segunda metade do século XVII, está emprazado o sepulcro do conde D. Osorio Gutierrez, máís coñecido como “o Conde Santo”. Trátase dun sarcófago paleocristiano, que amosa unha decoración de trinta e tres estrigiles – especie de cepillo metálico con acanaladuras en forma de S – en forma de xugo. Céntranse nun crismón que está rodeado de tres láureas estilizadas, enmarcadas en dúas molduras de media cana. O Crismón ten unha barra vertical, na que aparece a letra grega “ro”, e unha cruz invertida coa letra “chi”. É un motivo de seis brazos. No seu interior, conservábanse , nunha caixa de madeira de sandalo, os osos do conde Osorio Gutiérrez.. Námbolos dous lados da sepultura hai dous pequenos retábulos barrocos dourados con tallas de madeira, que simbolizan a dúas santas abadesas benedictinas. Baixo o pequeno retábulo dereito lese a seguinte inscrición: “Aquí yacen los huesos de los Señores y descendientes de Nuestro Patrón el Conde Don Osorio Gutiérrez”. No pequeño retábulo esquerdo, tamén, hai outra inscrición: “ Aquí yacen los huesos de Doña Urraca, Hermana del Conde Santo...” Este sarcófago é un reflicte dunha sociedade, onde o conde Osorio ocupaba o sector máis elevado, claro exponente dos dereitos sobre a terra e sobre as cousas neste ámbito de xerarquización. Por outra banda, nesta capela, os romeiros que acoden a finais de agosto – último sábado e días próximos- , a venerar ó Conde Santo, realizan os seguintes rituais. 1º. Dende unha ringleira, situada á beira dereita do sepulcro, van entrando, paseniño, os devotos a tocar coas súas mans e panos diferentes partes do sarcófago. Ademais, introducen un dos seus dedos nun oco, situado na parte inferior dereita do sepulcro. 2º. Logo, nun altar situado fronte á sepultura do “Conde Santo”, un fregués da parroquia pon a “imaxe do S. Bento” por riba da cabeza dos fieis, pronunciando a seguinte xaculatoria: “ Cristo vive, Cristo reina, Cristo te libre de todo mal. Amén. O Conde Santo bendito, te libre de enfermedad, te dea la sanidad, por el poder que Dios tiene. Amén”. É mester dicir que “ O Conde Santo”, non ten imaxe da súa representación, xa que non foi nomeado Santo oficialmente, máis foi recoñecido, dun xeito popular, con ese atributo. 3º. A capela de Valdeflores, comunica co claustro, rematado no ano 1786, onde se encontra “O Pozo do Santo”. Antano, as súas augas eran utilizadas polos romeiros para sandar as súas doenzas. OS MILAGRES DO CONDE SANTO Hai un manuscrito realizado en setembro do ano 1879 para D. Alonso de Osorio, Marqués de Astorga e Conde de Trastámara, no que se sinala con todo luxo de detalles o testamento do Conde Santo, a súa vida e xenealoxía, así como dazasete dos milagres atribuidos a súa persoa. Entre algúns destes milagres saliento os seguintes: 1º. A resurrección dun mozo de Castroverde (Lugo). A comezos do século XI, ocurriu un suceso relevante nun lugar de Castroverde, denominado Volaño. Un mozo desa localidade morreu afogado ante a desesperación dos seus pais que o sacaron do río, xa sen vida. Inmediatamente, levarono perante do seu tío, que era monxe e un gran devoto do Conde Santo. Logo de celebrar unha misa polo seu sobriño, desprazáronse todos xuntos á vila de Lourenzá, levando o corpo do finado, que colocaron baixo o sarcófago do Conde Santo. A continuación, o frade celebrou outra misa e levou a cabo o seu rogo ó Conde. Ó rematar éste, o mozo encetou a falar, quedando os asistentes atónitos ante esta situación. A partir deste momento, o mozo resucitado gardou devoción ó Conde Santo, asistindo tódolos anos a súa festa. 2º. Noutrora, algúns devotos do Conde adoitaban levar ó seu sepulcro persoas consideradas endemoniadas. Ó chegaren á vila, poñíanas baixo o sarcófago, mentres pregaban a súa intercesión. Algúns sandaban e ían, alegres e satisfeitos, para as súas casas. 3º. O Milagre do parto. Unha muller nobre de Granyaves, pertencente o Bispado de Astorga, sufría importantes complicacións debidas a un difícil embarazo. Por tal motivo, pediulle ó Conde Santo de que si o parto era bo, ofreceríalle o seu froito a Dios, fora neno ou nena. As pregarias foron atendidas,e, logo de bastantes sufrimentos, deu a luz un varón, que, dende un principio, mandou educar para monxe, e, cos anos, chegou a esta condición. Pasado o tempo foi elexido abade do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, e ela deu grazas a Deus por tan gran honra. Segundo a narración, a súa humildade e santidade foi tan sublime, que os bens que a súa nai depositaba no mosteiro él repartíaos entre os pobres. ORGANIZACIÓN DA FESTA. Unha comisión de festas encargase de planificar os diferentes actos da festa, tanto os relixiosos como os profanos. Con respecto ós primeiros, póñense en contacto co párroco da vila para organizar os diferentes oficios relixiosos, así como á visita ó sepulcro do Conde Santo. En canto ós profanos, cómpre dicir que a maior parte do presuposto estivo adicada á contratación dunha serie de orquestras, que amenizaron as verbenas dos diferentes días de festa, e, tamén, dalgúns grupos de danza e folk, que ofreceron un gran espectáculo. perante o público asistente. O resto repartiuse noutras actividades, como concertos dalgunha banda de música, pasarrúas levados a cabo por charangas e grupos de gaitas, competicións deportivas, organización dunha festa infantil etc. Un acto habitual e relevante destas festas, sobre todo polo que representan para os nenos é a actuación dos “Cocos e Cabezudos”, que adoitan saír, durante os días de festexo, unhas catro veces. Os Cocos – home e muller - son dous bonecos de gran tamaño – case uns 3,50 metros de altura- que son levados por dous porteadores, situados no seu interior. Éstes deben posuir forza, resistencia e, tamén, equilibrio non só polo peso dos bonecos, senón tamén debido a que a súa suxeición e transporte lévase a cabo por medio dunhas barras situadas no seu interior. Estes bonecos están construidos do seguinte xeito: a cabeza de engrudo e papel de periódico pintados; os brazos articulados nos hombros; as mans cheas de serraduras e cubertas con tea; e o resto é unha estructura de madeira para vestir. Teñen un buraco na parte central da cintura para que o portador poida ver o exterior. Os primeiros Cocos e Cabezudos foron diseñados- segundo Francisco Fernández del Riego- por D. Francisco Ron Colmenero e os seus fillos a comezos do século XX. Estes bonecos tiñan un aspecto diferente ós de hoxe, xa que mentres que o home amosaba trazos axitanados, a muller, pola contra, representaba a unha dama con pamela. Nos anos corenta do século pasado foi cando – segundo testemuñas da vila- comezaron a modificarse este bonecos ata chegaren o aspecto que amosan no intre actual. Percorren as principais rúas da vila, acompañados dun grupo de gaitas e doutros bonecos, de estatura normal, que reciben o nome de “Cabezudos”, que son considerados os fillos dos “Cocos”. No seu percorrido, van bailando e xirando sobre si mesmos, o que da lugar a que os nenos que van na comitiva teñan que eludir continuamente as mans dos “Cocos”. Esta parella de xigantes é, tamén, popular nalgunhas parroquias e vilas lucenses. Así, na vila de Ribadeo, os “Cocos” teñen tanta popularidade, que, 0actualmente, hai dúas reproduccións súas en metal, na praza de S. Roque. Tamén, na parroquia de “A Ermida” (Queiroga), hai unha parella de xigantes, que reciben o nome de “Pampónigas”, que o día da festividade da Virxe dos Remedios, saen ó comezo da procesión, acompañando a imaxe da Virxe. Por outra banda, a maioría dos actos profanos celébranse na praza do mosteiro. Isto da lugar a que, dalgún xeito, exista algunha interacción entre os dous ámbitos da festa. Asi mesmo, ó carón desta praza é onde se ubica “o feiral”, composto por diferentes postos ambulantes, carruseis, tómbolas etc., que constituen un importante momento de lecer para todas as persoas que acoden “o Conde Santo”. Finalmente, compre dicir que estes festexos sempre se viron reflectidos en cantares populares, que aínda as persoas de máis idade recordan dende sempre. Dous, destes cantares, son: “ Mondoñedo está n-un baixo: Vilanova n-un baixiño; Nosa Señora d´a Gracia, mesmo a veira do camiño”. “ Teño d´ir ó Conde Santo, que se fai en Vilanova; Y – hei de levar n-a cabeza, sombreiro d´a nova moda”. A FESTA DA FABA. O PRODUCTO A faba é unha planta herbácea da familia das leguminosas. Produce sementes comestibles que maduran dentro do bagullo que as protexe. As flores da planta posúen unha estructura que pecha o órgano sexual feminino, que, logo, se converte en legume. A máis coñecida en Galicia recibe o nome de “faba ou feixón”. Asi mesmo, as leguminosas producidas na Mariña lucense presentan unha calidade relevante, xa que as condicións edafolóxicas da zona son axeitadas para o seu cultivo, o mesmo que as abundantes chuvias e as temperaturas suaves. A faba de Lourenzá chega ata os consumidores logo dun riguroso proceso de selección, almacenamento e conservación. Despois da colleita a leguminosa é sometida a unha importante limpeza, excluíndo calquera posible corpo inusual xuntado ó gran. Posteriormente, rexeitanse os grans con imperfeccións e distribuense as fabas en canto o seu tamaño. Para eludir o xurdimento do gurgullo e o estrago da leguminosa, a faba é introducida, durante 48 horas como mínimo, nunha cámara frigorífica a unha temperatura inferior aos – 20º C . Unha vez superado este proceso, o producto é almancenado a unha temperatura ambente en locais axeitados, onde persisten ata o momento do envasado. OS COMEZOS DA FESTA O concello iniciou un proxecto de explotación e comercialización das fabas do Val de Lourenzá con cursos impartidos por expertos sobre os coidados que a faba debe de ter para obter os mellores resultados. Unha das impulsoras deste producto foi Dª Fe Rodríguez Rocha, alcaldesa do concello, quen comprobou persoalmente a productividade das fabas por medio dunha plantación propia, que adoitaba amosar ós seus veciños para que apreciasen a rendibilidade do producto. A festa da faba naceu en 1990 debido, polo tanto, a unha iniciativa do Concello de Lourenzá para promocionar e incrementar o seu consumo . Inicialmente a Festa, declarada de Intérese Turístico Galego pola Xunta de Galicia, celebrábase o primeiro domingo de outono. Non embargantes, a partir do ano 2003, a festa comeza a celebrarse todo o fin de semana o que motiva planificar máis actividades. Nestas datas acoden compradores, productores e tratantes deste producto, que vai adquirindo un maior pulo de cara ó exterior, a medida que transcorren os anos. No ano 2005, había 10 postos de fabeiros na praza do Conde Santo. A maioría deles eran das parroquias de Santa María e Santo Tomé de Lourenzá; logo había un posto de Vilalba e outro do Valadouro. A súa finalidad esencial era vender fabas do val de Lourenzá. Segundo Teresa Recalde, de Sto. Tomé (Lourenzá), os prezos das diferentes calidades de fabas por kg. foron os seguintes: Faba blanca de Lourenzá, curada, envasada en saquetos de 1 kg.= 8 euros; faba verde de Lourenzá = 5 euros; faba pequena, blanca, propia do caldo= 3 euros; faba verdina, axeitada para acompañar ó marisco= 7,50 euros; faba blanca de Lourenzá, curada, mais sen envasar = 7,50 euros. Non embargantes, algunha vendedora, como “Fabas Maruxa” de Sto. Tomé, puso a venda, ademais das citadas, outras que ela colleita pola súa conta, como, Faba de Tolosa = 6 euros; faba amarela para potaxe = 5 euros; faba mandelín, tamén, para potaxe = 6 euros; e faba as negritas, de orixe cubano, axeitada para estofados = 6 euros. Ademais da venda deste producto, os diferentes postos de fabeiros teñen interése de que os asistentes á festa degusten a proba das fabas, ó mediodia, condimentadas de diferentes xeitos. Por outra banda, esta celebración non se limita, dun xeito exclusivo, á exaltación e comercialización da faba, senón que se utiliza, tamén, para promocionar outros productos, situados no claustro do mosteiro, onde encontramos postos de coiro, madeira, xabóns naturais de A Coruña, encaixes de Camariñas (A Coruña), cestería de Lourenzá (Lugo), cerámica de Pontevedra e de Barcelos (Portugal), ferreiros de Riotorto (Lugo), encaixes de Valdoviño (Ferrol), artesanía de madeira (Mondoñedo), porcelana (Betanzos), bisutería (Moaña-Pontevedra), artesanía en tela (Ferrol), Pastelería (Mondoñedo) etc. Ademais, neste fin de semana, adicado á faba, hai outras actividades como son, o pregón, no que se louva ó producto; os pasarrúas, realizados por charangas e grupos de gaiteiros; unha festa infantil, con toro mecánico e inchables; algunha actuación musical e, dende hai algúns anos, un concurso fotográfico e unha exposición cerámica de Sargadelos. No ano 2004, o Centro de Interpretación da Faba, promovido polo Concello, e materializado o seu proxecto grazas o Plan Leader Plus Terras de Miranda, foi dado a coñecer a tódolos visitantes da feira-exposición daquel ano. O Centro naceu coa finalidade de espallar os trazos da leguminosa e as súas técnicas de cultivos tradicionais que dende hai século se utilizan na Mariña lucense. O Centro consta de cinco zonas, cada unha delas adicada a un fin concreto no marco xeral de desenvolvemento desta leguminosa. A zona unha, versa sobre a orixe e evolución da especie arredor do mundo. A dúas, sobre as condicións edafolóxicas e climáticas que posúe o “val de Lourenzá”, para cultivar este legume. A terceira, refírese a “ sala túnel”, que é un espazo que mide 18 metros de lonxitude, onde, baixo unha plataforma de vidro, poden verse os distintos instrumentos usados, dende sempre, no cultivo, recolección e procesado da faba de Lourenzá: O fouciño. Era unha ferramenta formada por un mango de madeira ó que vai suxeita unha folla de ferro curva, que se usa para segar e rozar. A grade. Trátase dun aveño de labranza que consiste nun bastidor de madeira formado por traveseiros nas que se atopan os dentes que efectúan o labor de esterroar a terra despois da labra. A galleta. É unha ferramenta agrícola formada por unhas gallas de ferro e un mango de madeira longo. A hucha. Arcón de madeira con tapadeira no que se gardan diferentes alimentos. Os malles ou mallos. Son aparellos agrícolas, compostos de dúas pezas de madeira, a mangueira e a pértega, unidas por unha correa, usada para malla-los cereais ou os legumes. Arado. Instrumento agrícola para abril regos ou sucos na terra. Ferrado. Medida de capacidade para grans, legumes e outros froitos secos. O seu valor é distinto nos diferentes lugares de Galicia. Cribo. Utensilio para limpar de corpos estraños os grans e as sementes. Cesta. Recipiente de vimbios ou de corizas de madeira con asa para levar diferentes productos. A cuarta, ubicada no primeiro piso do Centro, consta de varios equipos informáticos disponibles sobre o tema e dunha pequena biblioteca ligada ó mesmo. Finalmente, o Centro posue unha sala na que se proxectan diferentes contidos, de índole divulgativa, ligados coa faba. OUTRAS FESTAS NO CONCELLO O sábado anterior ó lúns de Pentecostés celébrase, na comunidade do S. Adrián, a “romaxe das cruces”. O párroco da freguesía oficia unha misa na igrexa parroquial e, logo, acompañado dun bo número de fieis diríxese por unha estrada local ata á capela de Augaxosa (Riotorto) lugar, ó que acode, tamén, o párroco de Mouxoeira, acompañado dalgúns fregueses. Nesa capela, ámbolos dous párrocos concelebran unha misa. Logo, ó pé da igrexa lévase a cabo un xantar e un baile. No traiecto ata a capela, o párroco do S. Adrián, diríxese, en dúas ocasións, na dirección onde se encontran as cruces, que lindan cos concellos de Mondoñedo e Trabada, e realiza unha bendición simbólica das mesmas. Logo, fai un novo alto no camiño para rezar un rosario. Noutrora, o párroco do S. Adrián, ó rematar a misa, ía con bastantes fieis da comunidade polos lugares onde se encontraban as cruces para realizar a bendición das mesmas dun xeito directo. A continuación, retornaban ó punto de partida. Nesta mesma parroquia, conmemórase, o 16 de xuño, a festa do Santo Patrón. Dende primeiras horas da mañá acoden devotos de toda a comarca por doenzas humanas e animais. Ó chegaren ó santuario oen unha misa e, logo, denantes do mediodía, participan na procesión que vai ata un cruceiro, situado nun pequeno outeiro. Alí o párroco da comunidade reza un rosario cos devotos e fregueses, que o acompañan, e leva a cabo unha bendición simbólica do gando. Non embargantes, algúns fregueses aínda seguen levando actualmente cabalos. A continuación, a procesión da a volta ó cruceiro e volve para a igrexa, onde algúns cregos de parroquias colindantes continuan oficiando misas, ata a unha e media da tarde, intre no que se concelebra a misa solemne. Mentres tanto, dous fieis da comunidade parroquial, cunhas imaxes pequenas do santo, fan o sinal da cruz por riba da cabeza dos devotos, recitando a seguinte xaculatoria: “ S. Adrián bendito, che quite a enfermedad, e che dea a sanidade, polo poder que Dios ten e a Virxen María. Amén”. Por outra banda, os devotos do santo ofrécenlle “exvotos de cera”, que simbolizan a animais, como cabalos e vacas e, tamén, a figuras humanas total e parcialmente; “velóns” e “ os fogos adicados ó santo”, ofrenda que se realiza, dun xeito preferente, no transcurso da misa solemne e ó seu remate. No barrio da Cazolga, pertencente ó concello de Lourenzá, celébrase a festividade de S. Pedro Fiz o sábado e domingo posterior ó 10 de Agosto. Neses días, o párroco da freguesía oficia unha misa a unha e media da tarde e, logo, as imaxes do S. Pedro Fiz e da Virxe do Pilar percorren, levadas nas andas por fieis do lugar, o perímetro da capela. Ó rematar os oficios relixiosos realízase un xantar na área recreativa, que hai a beira do río Masma. Pola noite, dúas orquestras amenizan as verbenas respectivas dámbolos dous días, No mes de outono, adoita celebrarse a festividade relixiosa do Pilar o sábado e domingo posterior ó día 12. O párroco, námbolos dous días, oficia unha misa e, a continuación, as advocacións do Pilar e de S. Pedro Fiz saen en procesión ó redor da capela. Na vila de Lourenzá, tamén, se realiza a festividade do S. Marcial, que algúns anos levouse a cabo conxuntamente coa festa da faba. Non embargantes, os establecementos hosteleiros da localidade comezaron a separar ámbalas dúas conmemoracións por motivos económicos. Por tal motivo, no ano 2005, festexouse xa por separado o sábado e domingo seguintes á festa da faba. Námbolos dous días, o párroco da comunidade oficiou unha misa e, ó anoitecer, dúas orquestras amenizaron, na praza do Conde Santo, as correspondentes verbenas. O segundo vernes, sábado e domingo de xullo conmemórase na parroquia de Santo Tomé a festividade de S. Antonio de Padua. Denantes, celebrábase o terceiro domingo de setembro, decidíndose o cambio hai uns cinco anos. Tanto o sábado como domingo, varios cregos da comarca ofician unha misa solemne. Logo, as advocacións do San Antón e Santo Tomás saen en procesión ó redor da igrexa parroquial, levadas nas andas por fregueses da parroquia. Tamén, denantes da festividade realízase unha novena en honor do Santo. Desde o punto de vista profano, o venres pola noite, hai unha pulpada para todos os veciños da parroquia e doutras comunidades. A continuación, celébrase unha verbena amenizada por dúas orquestras, ó igoal que a do sábado, mentres que na do peche da festa só intervén unha. Por outra banda, o 13 de xuño, festividade oficial do S. Antón de Padua, lévase a cabo o que os fregueses denominan “rogación”. O párroco, acompañado dun bo número de fregueses, percorre o campo situado o carón da igrexa, rezando o rosario. Logo, aínda que non hai presencia física de animais, imparte unha bendición simbólica ó gando. A continuación, oficia unha misa. No barrio de Oural, pertencente a mesma parroquia, celébrase a festividade do S. Xosé Obreiro, o segundo sábado e domingo do mes de maio. Acoden devotos do “Val de Lourenzá” e de concellos limítrofes ofrecidos por doenzas humanas. Ó chegaren a capela, oen a misa solemne, participan na procesión e poñen o santo. O 19 de marzo, tamen, se oficia unha misa na capela deste barrio, adicada ó santo. En Canedo, outro barrio da mesma comunidade parroquial, festéxase na segunda quincena de maio a festividade da Virxen da O. Veñen devotos non só do concello de Lourenzá senón tamén doutros concellos limítrofes coa finalidade de pregar á Virxe polas súas doenzas. Participan nos diferentes rituais que se levan a cabo na capela, como, a misa solemne, a procesión e a imposición do santo. Na parroquia do S. Xurxo, conmemórase o 23 de abril, a festividad do Santo Patrón. Dende o punto de vista relixioso, oficiase unha misa solemne e, logo, sae a procesión que percorre o perímetro da igrexa parroquial. Á noitiña, unha orquestra ameniza unha verbena. Nesta mesma parroquia, o venres, sábado e domingo posteriores ó 2 de xullo, celebrase a festividade da Santa Isabel, para que non coincida coa Santa Isabel de Villamaior (Mondoñedo). Tanto o sábado como o domingo, os cregos da comarca ofician unha misa solemne e, logo, sacan a procesión ó redor da igrexa. O venres, pola noite, faise unha churrascada para todos os veciños da parroquia e doutras comunidades. Logo, dúas orquestras encarganse de amenizar as verbenas do venres e sábado, mentres que na do domingo so participa unha. Por outra banda, no barrio do S. Estevo, pertencente a esta parroquia, celébrase o 26 de decembro a festa deste santo, ó que acoden , ofrecidos por doenzas humanas, fieis de distintas freguesías do “Val de Lourenzá” e de concellos limítrofes. Toman parte nos diferentes rituais que se realizan no recinto sacro, como, a misa rezada, a procesión e “poñer o santo”. Con respecto as festas profanas, podemos distinguir a do “Domingo de Piñata”, que é o remate das festas do Entroido. Antano, esta festa quedaba reducida a “bailes de salón” ou dalgunha entidade social. Non embargantes, nesta vila, tentase sacar a festa ó exterior como queda reflectido no desfile de disfraces e charangas, que percorre varias rúas da localidade. Por outra banda, o 1 de maio, celébrase na vila de Lourenzá a entrada do bo tempo e o renacer da natureza. Esta celebración, de longa existencia no concello, consistía en que os nenos e nenas adoitaban vestir a un deles con flores, ramallos e xestas e, logo, percorrían as rúas da localidade pedindo o aguinaldo e cantando a copla do maio. A partir do ano 1994, a festa acadou un novo pulo por iniciativa da Asociación Merlín e o Concello, quenes incorporaron á mesma novos elementos, o que deu lugar a unha maior participación da xente da vila. No intre actual a conmemoración do maio está moi enraizada na localidade e nela toman parte as asociacións locais, os veciños e veciñas, que dende primeiras horas da mañá do día 1 de maio compoñen os elementos que toman parte polas rúas da vila e que son. 1. O MAIO. Representación simbólica dun rapaz que vai ornamentado con xestas e levada por rapaces. 2. A MADALENA. Representada por unha rapaza da vila ataviada con flores. É portada nun “Carro tirado por un burro”. 3. OS ARCOS. Están decorados con flores e son levados por rapazas. Ademais, hai unha serie de actividades complementarias, como, “A escenificación do baile do maio”, que corre a cargo da “Asociación Osorio Gutiérrez. Tamén, soe repartirse o “doce de maio”, no que colaboran algunhas pastelerías da vila. Por outra banda a copla do maio que se emprega neste evento é a seguinte: “ Aí ven o maio coas súas flores aí ven a Madalena con outras mellores. Levántate burro que tanto durmiche que xa pasou o maio e ti non o viches” CONSIDERACIÓNS SOBRE ÁMBALAS DÚAS FESTIVIDADES. O “Conde Santo”, malia estar relacionado cunha comunidade parroquial, tivo nos seus inicios un importante territorio de graza de cara ó exterior debido as curacións e arranxos de problemas, que levaba a cabo. Non embargantes, a súa área de influencia foi decrecendo ata quedar reducida actualmente ó concello de Lourenzá e algúns municipios colindantes do interior e da mariña. Este descenso debeuse probablemente a que nesa área apareceron novos santuarios adicados a distintas advocacións de Cristo, da Virxe e doutros santos, o que deu lugar a que moitas persoas acudisen a outros recintos sacros máis próximos coa finalidade de buscar solución ós seus problemas. Nun principio os milagres do “Conde Santo” transmitíronse por medio dos monxes benedictinos, rectores do santuario; co paso dos anos os fieis do “Conde Santo” encargaronse de dar a coñecer o seu poder benefactor entre outros coñecidos e devotos. En todos estes milagres o sartego é o obxecto fundamental sobre o que o “Conde” proxecta a súa sacralidade. Polo tanto, compre que os fieis se impregnen da mesma, tocando o sarcófago ou metendo un dos seus dedos nun oco, situado na parte inferior dereita, como medio para sandar doenzas ou solucionar diferentes problemas. O milagre pode chegar a ser, segundo A. Muñoz, a concreción positiva dun acto de fe polo que se vincula o beneficiario dunha gracia cunha imaxe de devoción. Na maioría dos portentos non faltan as referencias básicas, como poden ser, a persoa beneficiada, a descrición da doenza ou problema e as condicións da concesión. Asi mesmo, a festa da faba, de recente creación para exaltar un producto gastronómico, posúe, tamén, unha área de influencia maior que a do “Conde Santo”, xa que abrangue máis espazo do interior e da mariña. Ademais, as persoas que concorren a este evento veñen só co propósito de mercar algúns productos e pasar algunhas horas de lecer. De tódolos xeitos, entrambalas dúas festividades hai uns elementos comúns vinculados coas dimensións identitaria e profana. Tanto o “Conde Santo” como o producto gastronómico da faba constituen actualmente relevantes símbolos locais, que serven para expresar unha identidade comunitaria. Segundo Lisón Tolosana, ámbalas dúas actúan como paradigma da virtude e da moral, propiciando un sentido cívico comunitario, que queda reflectido en momentos de crise da comunidade como doenzas, defuncións e topo tipo de problemas que poidan afectar á comunidade parroquial no seu conxunto. Por outra banda, tanto na vila de Lourenzá como nas parroquias de Santo Tomé e San Xurxo, hai festas nos barrios da Cazolga (Lourenza), Canedo e Oural (Santo Tomé) e Santo Estevo (San Xurxo). Pois ben, as festas de barrio – segundo González Reboredo- convírtense nun referente importante de identidade inmediata contando cun santo que recibe veneración nunca capela. As festas de aldeas, barrios, lugares... son unha imitación das parroquias, xa que amosan unha dimensión relixiosa, reflectida na misa solemne e procesión, e outra profana, expresada por medio do baile. SUXERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS. BLANCO, Jesús; DÍAZ, Mª del Mar e SALDAÑA, Tania. Fiestas gastronómicas. Galicia en guías, nº 5: La Voz de Galicia, 2004, páxs. 74-75. CASALDERREY, Fina e GARCÍA, Mariano. Festas gastronómicas de Galicia, Vigo: Ed. Xerais, 2ª ed., 1995, páxs. 336-337. FLÓREZ, Fr. Enrique. La España Sagrada. Teatro Geographico-Histórico de la Iglesia de España. Origen, divisiones y límites de todas sus provincias. Antigüedad, translaciones y estado antiguo y presente de sus sillas, con varias disertaciones críticas. T. XVIII, Madrid: 1974, páxs. 298-303. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Ed. Galaxia, 1997, páxs. 207-212. LENCE-SANTAR Y GUITIÁN, Eduardo. “Villanueva de Lorenzana” ( I- El Monasterio y II- El Conde Santo), en Mondoñedo. Regreso al Pasado IV. Recopilación feita por Isidro Fernández Villalba de artigos publicados polo mencionado autor nos distintos medios de comunicación. Publicaciones del Museo Catedralicio y Diocesano de Mondoñedo, 2002, páxs. 212-216. LÓPEZ NOCEDAL, María José. Aportacións á cultura popular de Lourenzá. Traballlo inédito. OTERO GARCÍA, Concha. “Lourenzá”, en Galicia, pueblo a pueblo. La Voz de Galicia, 1993, páxs. 662-666. SANTOS SAN CRISTÓBAL, Sebastián. “ Lourenzana (Vilanova)”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia. Ministerio de Cultura. Centro Nacional de Información Artística y Arqueológica, t. III, Madrid, 1980, páxs. 444-454. SANTOS SAN CRISTÓBAL, Sebastián. El Monasterio de San Salvador de Lorenzana, Mondoñedo: Suc. Mancebo, 2000, páxs. 10-19. ILUSTRACCIÓNS. O SARTEGO DO CONDE SANTO ( LOURENZÁ). RITUAL DE CONTACTO CO SARTEGO DO CONDE SANTO POZO DO CONDE SANTO DETALLE DA PRAZA DE LOURENZÁ EN FESTAS. OS COCOS VAN ACOMPAÑADOS DOS GAITEIROS E NENOS DA VILA AMBOS OS DOUS COCOS PASEANDO POLAS RÚAS DE LOURENZÁ FABAS DE O PONTIGO LOGOTIPO DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA INTERIOR DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA DEGUSTANDO AS FABAS O DÍA DA FESTA O MAIO E A MADALENA CHEGANDO AO CENTRO DA VILA O MAIO E A MADALENA PERCORRENDO AS RÚAS DA VILA A MADALENA NA SÚA CARROZA
Documentos relacionados
Rotary se involucra con total altruismo
na do propio Xesús, como da a entender o título, a realidade da narración de Coetzee e infinitamente rrativa, aínda bebendo das fontes él mesmo non tivo inconvinte en máis complexa e constrúe unha ...
Leia mais